28 de abr. de 2014

Cousas da vida


Onte soubemos como se enterou Adrián da súa sentenza na prisión: foi lendo o xornal. Concretamente El Mundo. O sábado. 




Xa gastara as 8 chamadas de 5 minutos que ten á semana polo tanto non puidemos falar 

con el, mais ilusos de nós supuxemos que ao longo do venres lle mandarían a sentenza. Pois non, para qué, con mandala a Europa Press ou Efe xa chegaba. 

Chamamos á prisión o venres para ver se podían restarlle unha chamada da seguinte semana ou algo polo estilo, mais quedou no intento.

Imaxinade a sorpresa de Senlheiro, máis despois de ler o titular e logo ler a “letra pequena” e a condena.
En fin, que xa non debería sorprendernos.

Hoxe luns, por fin, déronlle a sentenza (a de verdade) non a das axencias de “comunicación”.

Este é o Estado de Dereito no que vivimos 

26 de abr. de 2014

A nosa valoración da sentenza.


Despois dunha espera de 52 días dende que rematou o xuízo de Adrián, e de 1 ano, 3 meses e 18 días de prisión provisional chegou a agardada sentenza: 7 anos de cárcere por tenza de explosivos con fins terroristas.
Por suposto, tivemos noticia da condena pola prensa. Antes incluso de que os avogados a recibisen.
Adrián xa non tiña chamadas das 8 que ten á semana, polo tanto aínda non puidemos falar con el, mais imaxinamos que ao longo do día de onte a tería recibido.

Unha condena, ó noso parecer, inxusta e que aceptamos indignados e con resignación. O feito de que dos 18 anos de prisión que pediu a fiscal Susana Landeras a condena sexa de 7 non o fai ser máis acertada. Se o tribunal non o condena polo delito de pertenza a organización terrorista, é tan só polo feito de que non hai ningunha proba que o xustifique.

Tampouco hai ningunha proba obxetiva para xustificar esta condena de 7 anos. Os indicios utilizados para xustificala (ter na casa correspondencia con persoas presas provisionalmente por acusacións da mesma natureza ou pasearse polo monte ás dez da noite en inverno) non nos parecen pra nada suficientes para ser condenado por posesión de explosivos.
Preguntémonos que pasaría se fose outra persoa a que pasase preto dese "dispositivo policial", e se esa persoa non tivese un mínimo de preocupación política e ningun tipo de "octavillas" na casa de calquera ideoloxía mal vista polo goberno.

No xuízo quedou probado que eses explosivos non estaban en propiedade de Adrián, polo que non entendemos que sexa condenado por posesión de tales artefactos (mesmo a fiscalía o acusaba de "ir a facer seus os explosivos", o que sería unha tentativa de tenza) e menos aínda cando non hai nengunha proba de ADN neles, proba que Adrián se ofreceu voluntariamente a facer, e fixo, con resultados negativos.

O tema da acusación do ministerio fiscal do delito de pertenza en organización terrorista, diretamente vémolo coma un delirio. Está baseado en nada. Só na opinión persoal e convicción dun policía de intelixencia.
Que sexa un alivio que o absolvan diso, non fai que sexa un "mal menor" que o condenen a 7 anos.
E haberá quen diga que non nos queixemos, que podería ser pior, que mira o que lle pasou a outros e un longo etc, mais non nos parece xustificación algunha. O feito de comparar as grandes inxustizas das condenas de outras persoas coa condena de Adrián tampouco o fai máis "xusta".

Segue a ser inxusto. E segue a ser unha condena sen probas, pola que estivo preso provisionalmente máis dun ano, despois de denegar dúas veces a súa liberdade provisional pola gravidade das acusacións da fiscalía.
Visto está, que despois do xuízo e incluso desta condena de 7 anos, foi inxusta esa prisión provisional que sufriu Adrián, e pra máis, en réxime FIES e case dous meses en illamento no cárcere de Soto del Real, con todo o que isto supón para unha persoa.


Este é o modus operandi ao que nos ten acostumado a "Xustiza",  o de "podía ser pior", para que, despois de atemorizarte durante meses cunha posible condena de moitos anos e desproporcionada, respires aliviado e te conformes co que hai.

Obviamente alegrámonos de que isto non fose así, mais unha vez colles folgos un par de veces, voltas ver a grave inxustiza.

Pásasenos pola cabeza todo o acoso mediático da detención. Que se xefe militar, que se no que seu curriculum pon non sei que, que se foi detido aquí ou aló, que se mira que cara de malvado... Todo iso que fan os medios de comunicación: condenarte. Porque Adrián xa foi condenado o mesmo día que foi detido, nun xuízo no que non hai a opción de defensa.
Aínda que saíse absolto onte, a Google non lle quedaría moi claro.

Nós non nos conformamos con este "mal menor". Nin vemos motivos pra estar contentos. Si para respirar aliviados durante un anaco, e voltar a pelexar.
Do que si estamos moi contentos e agradecidos é da calor, solidariedade e apoios recibidos, pois sen todo isto, o día a día sería máis dificil. Agradecemos tamén o traballo e esforzos dos avogados e das testemuñas que foron ao xuízo a defender a Adrián.

Estamos completamente convencidos da inocencia de Adrián, por iso ningunha condena nos vai parecer nin xusta nin adecuada. Só vemos motivos pra estar contentos coa absolución.

Agardamos que no recurso ao Tribunal Supremo teñamos por fin o motivo. Aínda que, por desgraza, nin cremos na xustiza deste Estado nin na sorte. Sexa o que sexa, cando a decisión dos tribunais sexa firme haberá que apandar, e desexar que isto non lle volte pasar a ninguén.


Colectivo de apoio a Senlheiro, Compostela 26 Abril do 2014


Senlheiro liberdade!

Neste enlace podedes ler a sentenza completa:        http://estaticos.elmundo.es/documentos/2014/04/25/sentenciaresistenciagalega.pdf

12 de abr. de 2014

21 Marzo


Treme-lhe umha mao porque lhe estám a pinchar medicaçom mui dura. Di que escoita vozes e vê cousas raras. Por momentos dá- lhe por cantar a única cançom que sabe, aprendida nestes lares: “Yo soy un yonqui no tengo remedio, me gustan las papelas y esse polvo blanco”, dá palmas e bota a rir.
Leva 5 anos em isolamento, saindo a um pátio minúsculo 3 horas ao día com outro preso. O resto do tempo, metido numha cela sem TV, sem radio, nada mais que as oraçoms em direcçom a onde sae o sol.
Entrou em prisom por tentar roubar várias tendas de móbiles, rompendo os escaparates cumha pedra. Tentou fugar-se até tres vezes, escalando os muros da prisom. “busco a minha liberdade”- diz. Nas mãos tem queimaduras feitas cumha moeda de 5 céntimos. Um chandal roto e um jersey velho som todas as suas pertenças.

                                                       ---------------------------------------





“Buah, quando saiamos de aqui e poidamos ir a um centro comercial. Nom botas de menos comer umha boa hamburguesa num Mc Donald´s?”
Como se dum rito se tratasse, os usuários da comida rápida acodem a esta instituçom yanki seguindo umhas pautas concretas de comportamento e recevendo umhas ordes litúrgicas- a petiçom do menú, os códigos de vestimenta e linguagem das empregadas... E é que as tradiçons de Mc Donald´s ensinam-se incluso num “seminário” denominado Hambúrguer University em Illinois. Alí acodem os directivos destes restaurantes, establecidos por todo o mundo como umha grande tea de aranha.

O aspecto ritual desta empresa funda-se no poder da tecnologia, a cultura do automóvel, a televisom e a vida rápida. A sua participaçom nele require a subordinaçom temporal a um imperialismo económico e cultural. Tanto é assi, que entre muitos reclusos da prisoms espanholas é umha costume da que se tem “morrinha”. Um contraste de culturas: outros botamos de menos a nossa horta, os passeios polo monte ou os chapuçons no río da nossa aldeia.