7 de jan. de 2014

Un ano





Hoxe Adrián fai un ano no cárcere. Un ano sen xuízo, privado de liberdade, e na súa maior parte nun réxime penitenciario de 1º grao, coma se fose un asasino, e con moitas semanas de aillamento. E por desgraza, non é o único, nin é un caso "senlleiro".
Un ano de prisión provisional, dispersado. Tras ingresar no cárcere de Soto del Real, foi trasladado a Villabona para voltar ser trasladado ao cárcere de Valdemoro e voltar outra vez aonde se atopa hoxe en día, no cárcere de Villabona en Asturies.
Unha dispersión que supón unha sangría económica que pode ter moitas leturas. Dende a dificultade pra poder afrontar o custe económico dunha defensa decente a que os seus amigos e familiares non poidamos ir a velo tan a miúdo como poderíamos se estivese preso na súa terra.

Polo tanto agardamos con ansias as datas do xuízo (3 , 4 e 5 de Marzo en Torrejón de Ardoz) para saber polo menos ao que nos enfrentamos. Mais sobretodo pra polo menos estar condeado "oficialmente" posto que Adrián xa foi condenado o 7 de Xaneiro de 2013.
Unha procura rápida do seu nome en google confirmao.
Tres días de xuízo nunha nave nun polígono das áforas de Madrid.

Un ano enteiro que tiveron pra demostrar a culpabilidade de Adrián. Porque aquí un ten que demostrar que é inocente, non os tribunais que un é culpabel. Un ano enteiro de comunicacións intervidas e relacións socais coidadosamente dosificadas en minutos. Un ano enteiro de locutorios, vis a vis e chamadas de teléfono grabadas.

A fiscalía solicita 18 anos de prisión, dez por pertenza a unha banda armada que mais ben semella a Santa Compaña, e 8 por pertenza a uns termos con pólvora prensada, que mais ben semellan armas de destrución masiva. A suposta pertenza, entende a fiscalía, xa o demostraría a posesión destos termos, e  a posesión destos termos xa o demostran os policías nas suas falsas declaracións. Non lles fai falla nada máis, aínda que resulte canto menos chocante que a policía agardase case tres horas a que alguén aparecese preto de onde estaban esos termos, que curiosamente non viran.

Hoxe tamén vemos que un xuez imputou á Infanta para facerlle unhas preguntas por non sei que lerias de cartos e leiras. Non vaia ser que fixese algo mal sen querer e todo sexa unha confusión. Non nos alegra nin nos tranquiliza esta imputación, pois ademáis de que con nós non vai o conto,  todos sabemos quen escribe os finais/sentenzas nesta "monarquía democrática". E senón sempre queda o indulto.

Agardamos que neste ano ningunha persoa máis teña que sufrir o sufrido por Adrián, acusado de "meigo ou herexe". Porque neste "estado" morreu o can mais non a raiba, e todo aquel que se rebele contra este, sufrirá na sua pel as consecuencias e o ensañamento.

Non cremos na xustiza, nin cremos na sorte. Mais do cárcere saese, do cemiterio non. Así que nos agardamos con paciencia a que remate esta "longa noite de pedra".