9 de jul. de 2014

21 de Xullo

O próximo luns 21 de Xullo Adrián volta estar de aniversario!

Queremos pedirvos e animarvos a que lle mandedes unhas letriñas ou o que vos apeteza.
Se alguén lle quere facer chegar algunha outra cousa ese día meteremoslle un paquete, pode deixala na taberna O'Pozo en Compostela ou ben poñendose en contato neste mail: colectivodeapoioasenlheiro@gmail.com

ADRIÁN MOSQUERA PAZOS
CENTRO PENITENCIARIO DE VILLABONA
FINCA TABLADIELLO
C.P. 33480 VILLABONA (ASTURIAS)

Senlheiro continua no cárcere de Asturias (Villabona) mentres agardamos a derradeira petición de liberdade provisoria.
A xuíza que o xulgou (Clara Bayarri) deixou de ser a ponente sobre a liberdade provisoria, tras a dimisión de Enrique López (ese que ía borracho na moto co casco no brazo) e que deixou o Tribunal Constitucional pra voltar á súa plaza na Audiencia Nacional. Por mor de esta reincorporación movense os postos e o xuíz que pasa a decidir sobre o tema vai ser Cándido Conde Pumpido.

Tras a condena de 7 anos de prisión da Audiencia Nacional, recurrimos ao Tribunal Supremo (ao igual que a Fiscalía, que segue a pedir os 18 anos de prisión).

En menos dun ano agardamos ter a vista maila sentenza definitiva, e algo que celebrar.


[Agasallo pra Senlheiro, de Arturo Ferreiro]


Colectivo de Apoio a Senlheiro, Compostela a 9 de Xullo do 2014

28 de abr. de 2014

Cousas da vida


Onte soubemos como se enterou Adrián da súa sentenza na prisión: foi lendo o xornal. Concretamente El Mundo. O sábado. 




Xa gastara as 8 chamadas de 5 minutos que ten á semana polo tanto non puidemos falar 

con el, mais ilusos de nós supuxemos que ao longo do venres lle mandarían a sentenza. Pois non, para qué, con mandala a Europa Press ou Efe xa chegaba. 

Chamamos á prisión o venres para ver se podían restarlle unha chamada da seguinte semana ou algo polo estilo, mais quedou no intento.

Imaxinade a sorpresa de Senlheiro, máis despois de ler o titular e logo ler a “letra pequena” e a condena.
En fin, que xa non debería sorprendernos.

Hoxe luns, por fin, déronlle a sentenza (a de verdade) non a das axencias de “comunicación”.

Este é o Estado de Dereito no que vivimos 

26 de abr. de 2014

A nosa valoración da sentenza.


Despois dunha espera de 52 días dende que rematou o xuízo de Adrián, e de 1 ano, 3 meses e 18 días de prisión provisional chegou a agardada sentenza: 7 anos de cárcere por tenza de explosivos con fins terroristas.
Por suposto, tivemos noticia da condena pola prensa. Antes incluso de que os avogados a recibisen.
Adrián xa non tiña chamadas das 8 que ten á semana, polo tanto aínda non puidemos falar con el, mais imaxinamos que ao longo do día de onte a tería recibido.

Unha condena, ó noso parecer, inxusta e que aceptamos indignados e con resignación. O feito de que dos 18 anos de prisión que pediu a fiscal Susana Landeras a condena sexa de 7 non o fai ser máis acertada. Se o tribunal non o condena polo delito de pertenza a organización terrorista, é tan só polo feito de que non hai ningunha proba que o xustifique.

Tampouco hai ningunha proba obxetiva para xustificar esta condena de 7 anos. Os indicios utilizados para xustificala (ter na casa correspondencia con persoas presas provisionalmente por acusacións da mesma natureza ou pasearse polo monte ás dez da noite en inverno) non nos parecen pra nada suficientes para ser condenado por posesión de explosivos.
Preguntémonos que pasaría se fose outra persoa a que pasase preto dese "dispositivo policial", e se esa persoa non tivese un mínimo de preocupación política e ningun tipo de "octavillas" na casa de calquera ideoloxía mal vista polo goberno.

No xuízo quedou probado que eses explosivos non estaban en propiedade de Adrián, polo que non entendemos que sexa condenado por posesión de tales artefactos (mesmo a fiscalía o acusaba de "ir a facer seus os explosivos", o que sería unha tentativa de tenza) e menos aínda cando non hai nengunha proba de ADN neles, proba que Adrián se ofreceu voluntariamente a facer, e fixo, con resultados negativos.

O tema da acusación do ministerio fiscal do delito de pertenza en organización terrorista, diretamente vémolo coma un delirio. Está baseado en nada. Só na opinión persoal e convicción dun policía de intelixencia.
Que sexa un alivio que o absolvan diso, non fai que sexa un "mal menor" que o condenen a 7 anos.
E haberá quen diga que non nos queixemos, que podería ser pior, que mira o que lle pasou a outros e un longo etc, mais non nos parece xustificación algunha. O feito de comparar as grandes inxustizas das condenas de outras persoas coa condena de Adrián tampouco o fai máis "xusta".

Segue a ser inxusto. E segue a ser unha condena sen probas, pola que estivo preso provisionalmente máis dun ano, despois de denegar dúas veces a súa liberdade provisional pola gravidade das acusacións da fiscalía.
Visto está, que despois do xuízo e incluso desta condena de 7 anos, foi inxusta esa prisión provisional que sufriu Adrián, e pra máis, en réxime FIES e case dous meses en illamento no cárcere de Soto del Real, con todo o que isto supón para unha persoa.


Este é o modus operandi ao que nos ten acostumado a "Xustiza",  o de "podía ser pior", para que, despois de atemorizarte durante meses cunha posible condena de moitos anos e desproporcionada, respires aliviado e te conformes co que hai.

Obviamente alegrámonos de que isto non fose así, mais unha vez colles folgos un par de veces, voltas ver a grave inxustiza.

Pásasenos pola cabeza todo o acoso mediático da detención. Que se xefe militar, que se no que seu curriculum pon non sei que, que se foi detido aquí ou aló, que se mira que cara de malvado... Todo iso que fan os medios de comunicación: condenarte. Porque Adrián xa foi condenado o mesmo día que foi detido, nun xuízo no que non hai a opción de defensa.
Aínda que saíse absolto onte, a Google non lle quedaría moi claro.

Nós non nos conformamos con este "mal menor". Nin vemos motivos pra estar contentos. Si para respirar aliviados durante un anaco, e voltar a pelexar.
Do que si estamos moi contentos e agradecidos é da calor, solidariedade e apoios recibidos, pois sen todo isto, o día a día sería máis dificil. Agradecemos tamén o traballo e esforzos dos avogados e das testemuñas que foron ao xuízo a defender a Adrián.

Estamos completamente convencidos da inocencia de Adrián, por iso ningunha condena nos vai parecer nin xusta nin adecuada. Só vemos motivos pra estar contentos coa absolución.

Agardamos que no recurso ao Tribunal Supremo teñamos por fin o motivo. Aínda que, por desgraza, nin cremos na xustiza deste Estado nin na sorte. Sexa o que sexa, cando a decisión dos tribunais sexa firme haberá que apandar, e desexar que isto non lle volte pasar a ninguén.


Colectivo de apoio a Senlheiro, Compostela 26 Abril do 2014


Senlheiro liberdade!

Neste enlace podedes ler a sentenza completa:        http://estaticos.elmundo.es/documentos/2014/04/25/sentenciaresistenciagalega.pdf

12 de abr. de 2014

21 Marzo


Treme-lhe umha mao porque lhe estám a pinchar medicaçom mui dura. Di que escoita vozes e vê cousas raras. Por momentos dá- lhe por cantar a única cançom que sabe, aprendida nestes lares: “Yo soy un yonqui no tengo remedio, me gustan las papelas y esse polvo blanco”, dá palmas e bota a rir.
Leva 5 anos em isolamento, saindo a um pátio minúsculo 3 horas ao día com outro preso. O resto do tempo, metido numha cela sem TV, sem radio, nada mais que as oraçoms em direcçom a onde sae o sol.
Entrou em prisom por tentar roubar várias tendas de móbiles, rompendo os escaparates cumha pedra. Tentou fugar-se até tres vezes, escalando os muros da prisom. “busco a minha liberdade”- diz. Nas mãos tem queimaduras feitas cumha moeda de 5 céntimos. Um chandal roto e um jersey velho som todas as suas pertenças.

                                                       ---------------------------------------





“Buah, quando saiamos de aqui e poidamos ir a um centro comercial. Nom botas de menos comer umha boa hamburguesa num Mc Donald´s?”
Como se dum rito se tratasse, os usuários da comida rápida acodem a esta instituçom yanki seguindo umhas pautas concretas de comportamento e recevendo umhas ordes litúrgicas- a petiçom do menú, os códigos de vestimenta e linguagem das empregadas... E é que as tradiçons de Mc Donald´s ensinam-se incluso num “seminário” denominado Hambúrguer University em Illinois. Alí acodem os directivos destes restaurantes, establecidos por todo o mundo como umha grande tea de aranha.

O aspecto ritual desta empresa funda-se no poder da tecnologia, a cultura do automóvel, a televisom e a vida rápida. A sua participaçom nele require a subordinaçom temporal a um imperialismo económico e cultural. Tanto é assi, que entre muitos reclusos da prisoms espanholas é umha costume da que se tem “morrinha”. Um contraste de culturas: outros botamos de menos a nossa horta, os passeios polo monte ou os chapuçons no río da nossa aldeia. 



10 de fev. de 2014

Madrid IV



Adrián chegou o sábado pola tardiña ao cárcere de Madrid IV, máis coñecida como cárcere de Navalcarnero. Hoxe pasaba do módulo de ingresos a un módulo "normal".
Tivo apenas un minuto para chamar e dicir onde se atopaba.
Onte domingo fumos facerlle unha visita contra vento e neve e vimos a Adrián ben, forte e con gañas de que chegue o xuízo.
Foi trasladado no cubículo do furgón da Guardia Civil esposado, non vaia ser que fose un MacGyver...
Polo resto o cárcere, é cutre como todas as que vimos ate o de agora, aínda que nesta semella que só hai calefación para os cuartos onde están os "funcionarios".
Deixamosvos aquí a direción pra que lle mandedes folgos:


                                                    ADRIÁN MOSQUERA PAZOS

C. P . MADRID IV (NAVALCARNERO)
Ctra. N-V, km. 27,7
28600 - Navalcarnero
(Madrid) 

2 de fev. de 2014

O asaltante



Ele é asaltante. Criou-se vendo miséria ao seu redor, explorando desde mui novo umha fábrica en condiçóns deploráveis. Conheceu pronto a cara da moeda que cae sempre do lado mais duro e escuro. "Quem está na luz nom vê a quem está na sombra" (Henry Miller). Também cedo conheceu os asaltos, pequenos golpes de supervivência no começo, movendo-se polas ruas como um gato asilvestrado. Deles faría co tempo a sua forma de vida. Os seus objectivos fôrom sempre os poderosos, os enriquecidos a costa dos demais, multinacionais de todo tipo...


Hoje caminha pola prisom, coa cabezça alta e sabendo que esta é umha etapa dura, um obstáculo que sempre pensou afrontar. Coa noite quase fecha e a mirada incisiva deixa caer umha frase que quer cravar no muro que tapa o horizonte: "Vivo pola recompensa de viver". Resistindo.


Villabona (Asturies) 3 de Novembro 2013

7 de jan. de 2014

Un ano





Hoxe Adrián fai un ano no cárcere. Un ano sen xuízo, privado de liberdade, e na súa maior parte nun réxime penitenciario de 1º grao, coma se fose un asasino, e con moitas semanas de aillamento. E por desgraza, non é o único, nin é un caso "senlleiro".
Un ano de prisión provisional, dispersado. Tras ingresar no cárcere de Soto del Real, foi trasladado a Villabona para voltar ser trasladado ao cárcere de Valdemoro e voltar outra vez aonde se atopa hoxe en día, no cárcere de Villabona en Asturies.
Unha dispersión que supón unha sangría económica que pode ter moitas leturas. Dende a dificultade pra poder afrontar o custe económico dunha defensa decente a que os seus amigos e familiares non poidamos ir a velo tan a miúdo como poderíamos se estivese preso na súa terra.

Polo tanto agardamos con ansias as datas do xuízo (3 , 4 e 5 de Marzo en Torrejón de Ardoz) para saber polo menos ao que nos enfrentamos. Mais sobretodo pra polo menos estar condeado "oficialmente" posto que Adrián xa foi condenado o 7 de Xaneiro de 2013.
Unha procura rápida do seu nome en google confirmao.
Tres días de xuízo nunha nave nun polígono das áforas de Madrid.

Un ano enteiro que tiveron pra demostrar a culpabilidade de Adrián. Porque aquí un ten que demostrar que é inocente, non os tribunais que un é culpabel. Un ano enteiro de comunicacións intervidas e relacións socais coidadosamente dosificadas en minutos. Un ano enteiro de locutorios, vis a vis e chamadas de teléfono grabadas.

A fiscalía solicita 18 anos de prisión, dez por pertenza a unha banda armada que mais ben semella a Santa Compaña, e 8 por pertenza a uns termos con pólvora prensada, que mais ben semellan armas de destrución masiva. A suposta pertenza, entende a fiscalía, xa o demostraría a posesión destos termos, e  a posesión destos termos xa o demostran os policías nas suas falsas declaracións. Non lles fai falla nada máis, aínda que resulte canto menos chocante que a policía agardase case tres horas a que alguén aparecese preto de onde estaban esos termos, que curiosamente non viran.

Hoxe tamén vemos que un xuez imputou á Infanta para facerlle unhas preguntas por non sei que lerias de cartos e leiras. Non vaia ser que fixese algo mal sen querer e todo sexa unha confusión. Non nos alegra nin nos tranquiliza esta imputación, pois ademáis de que con nós non vai o conto,  todos sabemos quen escribe os finais/sentenzas nesta "monarquía democrática". E senón sempre queda o indulto.

Agardamos que neste ano ningunha persoa máis teña que sufrir o sufrido por Adrián, acusado de "meigo ou herexe". Porque neste "estado" morreu o can mais non a raiba, e todo aquel que se rebele contra este, sufrirá na sua pel as consecuencias e o ensañamento.

Non cremos na xustiza, nin cremos na sorte. Mais do cárcere saese, do cemiterio non. Así que nos agardamos con paciencia a que remate esta "longa noite de pedra".

7 de jul. de 2013

XIV

“Há um pouco de esperança para mim? Pregunto-lhe a Pandora. E esta, enigmática, desapareceu. Assi que determinou que si e seguiu caminho cara essas montanhas solitárias e imponhentes do horizonte, com o sol ás costas e o porvir diante dos olhos, logo de passar os enigmas que se interpunham entre ela meninha e ela mulher”
Iolanda Gil Vilaverde


XIV


Há um libro pousado na terra
pudera ser que medrasse como um
toxo silvestre?

Se quadra as raizes escarvam
e desfam a dor a miséria a opresom…
e nom sabemos quando
deixarám de escarvar

Cravadas na pedra
as prisioneiras deixamos nele
bágoas
suor
sangue

e nom sabemos

quando deixaremos de escrever.

O Clube

Nom há lua essa noite. Apenas as luces de neom do clube a carom da estrada e umha farola tatexa.

Aquel home entrou como um touro, directo a pola mulher. Agarra-a dum braço, golpealhe na cara, “Que che digem puta!” Ele está bébedo e enfarlopado. Pode ser um qualquera.

Entom aparece o velho. Ele é quem manda nelas. É quem as trae, con quem fan o pacto. Tem na man um cable negro, groso, por dentro metal duro.

O home decata-se da sua presença tras da barra. Nom lhe tem medo. Sacalhe meio metro e está cegado. Tem dentro o Animal e ferve.

O velho é como umha rata. Foge, mas agarda, “Vem aquí, vem”. Sabe que dentro sae fodido. Sae fora do clube. “Vem cabrom, vem que te mato”

O touro vai cara ele. O velho vai cara a escuridade. “Vem cabrom”. Agocha-se. Chama polo seu filho, que está a chegar no coche.

O home cheira-o, o odio leva-o a onde o velho quer. A sombra. A sombra come-os. O tempo e o silêncio fundem-se.

O filho aparece por detrás. Dá-lhe umha patada nas costas, coas botas de monte. O home torce-se. “Agora si, cabrom”. O velho dá-lhe co cable, e cae redondo, e dá-lhe na cabeça, e dá-lhe no estómago, e dá-lhe e non mira onde.

O home bota sangue pola boca. “Nom me mates, nom me mates”. O velho surri e dá-lhe outra mais. E já nom fala e parece que foi alá.

O velho chama a berros por outra mulher. “Trae um caldeiro de agua óstia”. Tiralho por enriba ao home e este ergue-se atontado e bota a andar sen sentido. E o velho deixa-o ir, que ande ou se arrastre e deixao ir vagando pola estrada escura, vai deixando o rastro polo asfalto.

Enfrente do clube está o mar. A farola está cansa. O Inverno cae como a morte.

Na aldea o home dixo que caera no peirao. Durou un mes.


22 de mai. de 2013

Entom crês que Galiza é umha naçom?

O xefe de serviços é umha pessoa 'educada' e com 'talante'. Cada certo tempo achega-se a mim e pergunta-me de jeito incisivo: que tal estás?

É umha pergunta curiosa, sobretodo vindo dum dos responsáveis do meu encerro. Claramente el ja sabe qual há ser a resposta, pois o lógico ao estar em presom é estar 'jodido', ou seja, coaccionado a estar isolado, em maior ou menor medida, todos os días. E ademais ele é um dos responsáveis que pom Madrid para ler e escoitar todas as minhas comunicaçons, polo tanto há conhecer bem todos os meus estados de ánimo e intimidades varias.

O outro día chamou-me e fíxo-me a pergunta de sempre. Eu comentei-lhe que 'bueno', mas que estaría um pouco melhor se figessem umhas pequenas obras e recortassem um pouquinho o muro para que ao menos assi se pudessem ver umhas montanhas que seica há detrás. Nom sei se poderá ser.